domingo, 17 de enero de 2016

Cazando ideas

Para celebrar o seu primeiro aniversario, a Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela decidiu irse, virtualmente, de caza; coa inestimábel axuda de Iñaki de Miguel, o noso guía de expedición  que, con preciso tino, levantou a lebre e soubo conducirnos entre lenes outeiros na procura desa grande peza de caza maior que é un bo faladoiro. Os diversos aspectos da práctica cinexética, a súa regulamentación e a súa ética, mesturáronse coas andanzas de Miguel Delibes, respaldo libresco da xornada, compondo un debate vivo, polémico e enriquecedor.







Moitísimas grazas, Iñaki! E moitísimas grazas tamén a todos os asistentes. Con propostas como esta... como non imos ir tirando?




Presentación de Miguel Delibes que para a ocasión preparou Jerónimo Pomares.


jueves, 7 de enero de 2016

Asóciate á paixón pola lectura



A Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela está de volta! Porque, si, demos unha volta completa ao calendario e... celebramos o noso primeiro aniversario! Un ano no que puxemos toda a nosa ilusión e enerxía en desenvolver unha serie de actividades en prol da dinamización cultural de Redondela e a súa contorna. En colaboración coas bibliotecas municipais e os seus Clubs de Lectura programáronse coloquios, obradoiros e visitas sobre diversas materias -escritura creativa, filosofía, literatura, astronomía...- co obxectivo de suscitar o debate e o pensamento crítico dos nosos socios e amigos, sen perder nunca de vista os libros, pois a lectura agocha xanelas que permiten mirar mellor o cambiante mundo actual. 



Queremos, polo tanto, aproveitar este primeiro aniversario para agradecer a todos os nosos colaboradores e socios a súa confianza e apoio, e tamén para animar a todos os interesados a que se unan ao proxecto para poder ser, así, inda máis Amigos.

Se desexas sumarte ao noso proxecto, cubre a ficha de inscrición e abona os 12€ correspondentes a cota anual na conta de ABANCA ES23 2080 5209 4330 0007 0678 (indicando no abono o teu nome e apelidos). A continuación deixa a ficha, xunto co xustificante de pago, na Biblioteca Municipal "Valle-Inclán" de Redondela ou na Axencia Municipal de Lectura de Chapela. Tamén podedes aproveitar a vosa asistencia a calquera das actividades por nós programadas ou ás sesións dos clubs de lectura para pagar en efectivo.

E, por suposto, FELIZ ANO!


 


lunes, 4 de enero de 2016

Tirando a dar!! De caza con Juanito Osuna

Todos ás armas! A Asociación de Amigos das Bibliotecas de Redondela ten o pracer de convidarvos a todos a súa próxima actividade. Iñaki de Miguel, veterinario e cazador, proporanos o día 15 de xaneiro ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Redondela un emocionante debate sobre a caza: ¿é unha práctica ecolóxica ou unha crueldade?, ¿pode considerarse un deporte?, ¿achéganos á natureza ou afástanos dela? Para encontrar respostas a todas esas controvertidas cuestións, revisaremos a relación entre caza e literatura segundo Miguel Delibes, baseándonos especialmente no seu conto “El amor propio de Juanito Osuna”. Un programa completo de caza maior!